viernes, 13 de septiembre de 2013

Crónicas terrestres dende un Marte futuro sen cidades-cúpula

Ano 2266 da cronoloxía dos antigos terrestres, 110 da era marciana, 65 da era atmosférica sen cidades-cúpula. Nun curruncho da despoboada Terra, ao noroeste da antigamente denominada península ibérica ou Españistán (deshabitada hai cen anos, na terceira etapa da Gran Fuxida) un estraño achado ten sobrecollidos aos científicos de Marte e Fobos. Naquel lugar, ocupado por unha impenetrábel tupiselva de megaeucaliptos, un misterioso pobo, metade animal metade mutante, coñecido polos historiadores marcianos como "galeguíes" ou "evacorregos" e por Wikipedia "hevacorrejos del sangenjo del roblecito", vive pendurado nas árbores alimentándose de follas e berrando repetidamente "evacorrego!!!, evacorrego!!!", de aí un dos nomes cos que son coñecidos polos catro gatos que se dedican a investigar a eses terrícolas retrógrados non fuxidos. 

O doutor Jiménez del Coso dirixiu unha exploración a ese misterioso lugar terrestre en 2255 sen arroxar datos definitivos. Os vinte millóns de marcialitos invertidos na viaxe de pouco serviron, porque nin tan sequera se puido establecer comunicación cos bizarros galeguíes, pese a que son quen de vocalizar esa misteriosa palabra ("evacorrego"). Pero, quen son os galeguíes? Algúns académicos heterodoxos e heterosexuais arriscan as súas carreiras dicindo barbaridades como que son descendentes dos antigos galegos. Mais, non está demostrado que os galegos existisen realmente algunha vez no pasado. O debate, igual que no referente aos amish ou os chupacabras, enfronta aos que defenden a súa existencia no pasado terrícola e aos que din que son unha simple lenda transplantada a Marte por desaprensivos e novelistas con moito tempo libre. 





A Academia da Historia Verdadeira Oficial Irrevocábel Inmutábel (máis coñecida polas siglas ACADEHISTOVERDAOFIIRRINMUT), na entrada "Galegos", di: "Segundo as lendas terrestres, os galegos eran adoradores do lume, facían grandes incendios ao deus Eucaliptcoatl -parido pola axila por unha deusa da antiga Australia chamada Adelaida Sidney Gamberracoatl- e tocaban a gaita e o pandeiro e comían tarántulas mariñas vivas. Unha furiosa tempestade de cinza e merda licuada enviada por Yahvé-usté (deus da especulación e a madeira para palés) acabou con eles por pecadores e como non quedou ninguén vivo para talar a árbore sagrada e ofrecela en holocausto ao Señor X a selva creceu de tal xeito que cubriu cada centímetro do territorio. Iso di a lenda, non obstante, non se atoparon restos de cidades, nin maquinaria forestal, nin ciber-cafés, nin mangueiras, nin neóns de Gadis, nin bancos, nin bares, nin gaitas que corroboren que os galegos existiron en realidade. 

Para máis información ver a obra de 223 tomos titulada "Myths, Tales and Other Pijadas of Earth Peoples before the Great Escape" do profesor Rammstein ou consultar a entrada de Wikipedia "gallegos de la puente del seijido" (en gallego, y oficialmente, "galegos")", onde se aportan máis datos sobre ese pobo lendario que só existiu na imaxinación de Castelao, Xan das Bolas, Gayoso e Cañita Brava.

No hay comentarios:

Publicar un comentario